Wednesday 24 de April de 2024

A Xunta monotoriza a tempo real a calidade do aire para descartar posibles efectos da erupción do volcán da Palma en Galicia


— MeteoGalicia indica que as concentracións de dióxido de xofre (SO2) e monóxido de carbono (CO) rexistrados ata o de agora acadan niveis normais e non se prevén cambios a curto prazo

— No caso de producirse algunha concentración anómala sería detectada de xeito inmediato e activaríase o protocolo de actuación en situacións excepcionais de contaminación atmosférica

A Xunta de Galicia está a facer unha monotorización a tempo real da calidade do aire da Comunidade para descartar posibles efectos da erupción do volcán Cumbre Vieja da Palma.

MeteoGalicia está a observar a evolución da columna de dióxido de xofre (SO2) e de monóxido de carbono (CO), así como das partículas que se emiten pola erupción do volcán.

Así, a través das 48 estacións da rede de calidade do aire de Galicia, xunto coas dúas do Goberno estatal, monitorízanse a tempo real os contaminantes emitidos, polo que no caso de que as concentracións se incrementaran, estas serían detectadas e poríase en marcha o Protocolo de actuacións en situacións excepcionais de contaminación atmosférica.

Nestes momentos, as concentracións destes contaminantes (SO2 e CO) rexistradas acadan niveis normais en Galicia e non se prevén cambios a curto prazo. En todo caso, o persoal da Dirección Xeral de Calidade Ambiental está atento a calquera cambio na evolución. Neste enlace pódese consultar unha animación sobre a evolución da columna.

Chuvia ácida
En canto á posibilidade de chuvia ácida, ao longo do día de hoxe non se esperan precipitacións, que si poden rexistrase ao longo da xornada de mañá, na madrugada, e serían escasas e de tipo convectivo —puntualmente de forte intensidade e locais—.

De producirse, estas chuvias arrastrarían o que nese momento estea sobre a columna atmosférica de Galicia e, dada a súa intensidade, só as primeiras pingas poderían ter un ph algo por debaixo do normal, pero non a parte importante da precipitación.